CARTA DE SERGIO GONZÁLEZ: "O SEIS DO NADAL SOMOS TODOS"

"25 Anos de Historia", "25 Anos co Deporte Base", "25 Anos en Coia, Núcleo de Baloncesto en Vigo". Todas estas frases marcan a realidade do que o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia viviu nestes 25 Anos e reflexa o traballo que a entidade realizou, realiza e de seguro seguirá realizando.

 

Gustaríame destacar nestas liñas a importancia deste blog que se creou co motivo da conmemoracion do 25º Aniversario. Un blog cun claro obxectivo: reunir nunha páxina web lembranzas, momentos reseñables da historia, convivencias, experiencias e, o máis importante, crear un lugar de encontro para a gran cantidade de persoas que durante estes anos viviron vinculadas dalgunha forma ao Seis do Nadal.

 

Comezamos a creación deste sitio web poñéndonos en contacto coas persoas que dirixiron nalgún momento a entidade, persoas que puideran guiar o traballo de recopilación de información e que puideran explicarnos como decorreu a historia, tempada tras tempada.

 

Pouco a pouco comezouse a correr a voz e a xente comezaba a mostrar interés por esta idea e lles atraía o feito de poder lembrar os acontecementos e as vivencias do seu paso polo club. E o máis importante é que a cada unha das persoas ás que chegaba a noticia, sentíase parte da historia e víase obrigada a participar e a volver a formar parte do que foi e sempre será o seu club.

 

Ata o día de hoxe aínda seguimos recibindo fotos e imaxes históricas, cartas de opinión e de felicitacións e un gran número de suxerencias para a festa do próximo sábado 27 de decembro.

 

Falando da festa que se organizará no Seis do Nadal como broche final da conmemoración do 25º Aniversario, dicir que a organización deste evento está envolto nun cariño e nunha delicadeza especial. Non soamente está sendo organizada pola Dirección actual se non que cada xeración esta deixando o seu graíño de area que de seguro cargará a nosa festa dun sentir histórico.

 

Para min e para tódalas persoas que traballamos día a día por e para o club, é toda unha honra ter a posibilidade de poder levar a cabo a conmemoración dos "25 Anos de Historia" nesta tempada 2007/08. Esta conmemoración comezou o pasado 1 de xaneiro deste ano 2008 e está a piques de rematar o próximo sábado 27 de decembro.

 

Neste espazo de tempo foron innumerables os actos e eventos que se fixeron para darlle a importancia que se merece ao 25º Aniversario. Para nos é moi gratificante que moitos xogadores e xogadoras do club, así como ex-xogadores e ex-xogadoras e persoas que colaboran connosco ao longo das tempadas, crean que a nosa entidade está sempre de aniversario (sempre é o 25º Aniversario), o que quere dicir que realmente o club está de celebración neste ano 2008.

 

Tamén e todo un pracer ver como ex-xogadores e ex-xogadoras, ex-adestradores e ex-adestradoras, ex-directivos e ex-directivas e persoas que estiveron no seu momento na entidade volven a mostrar interese polo Seis do Nadal con motivo do 25º Aniversario.

 

Para rematar a miña carta, carta que quero dedicar a todas aquelas persoas que axudan dalgunha forma a que estes "25 Anos de Historia" adquiran a importancia que realmente se merecen, e que poñen da súa parte para que se poidan seguir cumplindo moitos máis anos e celebrando moitos máis aniversarios, quixera transmitir o meu desexo de seguir camiñando no sendeiro que a día de hoxe o club está marcando pois penso que é o máis correcto e adecuado.

 

Sendeiro no cal cada persoa pertencente a entidade, desde xogadores, adestradores, directivos, socios, familiares, colaboradores, patrocinadores, ata amigos e coñecidos; son un punto de apoio de gran importancia no camiño a percorrer ano tras ano.

 

Do mesmo xeito, quería invitarvos a todos aqueles que estades lendo estas liñas a participar na festa do próximo sábado 27 de decembro, unha festa que pretende unir pasado, presente e futuro nunha tarde e nun mesmo espazo.

 

Vémonos o próximo sábado. Un sáudo a todos e todas.

 

Moitas grazas polo que estamos facendo e polo que estamos conseguindo.

No hay comentarios: