Di Gardel no seu tango máis coñecido que vinte anos non son nada; pero ¿e vinte e cinco? Vinte e cinco anos son moito. Para un pequeno club de barrio que ten como principal obxectivo o de formar a rapaces e rapazas nunha cultura de vida saudable ligada ao deporte estes anos dan para moito, para moito traballo e para moitas ilusións.
Levo uns días lendo con atención cada un dos recordos que se están a plasmar nesta páxina dedicada ao vinte e cinco aniversario do Seis do Nadal. E despois destas lecturas tan proveitosas creo que non podo engadir nada máis que algún que outro recordo persoal e algunha que outra anécdota.
Eu cheguei ao barrio de Coia no ano 1977, e non foi ata oito anos despois que o deporte da canastra se cruzou na miña vida para facerse un inquilino permanente. Estudaba eu daquela no Eijo Garay, que ofreceu para ese ano 85 unha actividade de baloncesto a través dun monitor do desaparecido equipo do Skol.
Adestrábamos no patio exterior do colexio e cada un debía traer o seu propio balón, as canastras eran daquelas cedidas polo concello e co lema de “Por un Vigo Millor” moitos as lembraredes. Para o ano seguinte ingresei no Centro Deportivo Municipal, no grupo que adestraba Marisol Pahino, o baloncesto xa formaba parte de min.
Malia que dende sempre vivín a escasos cinco minutos do Colexio Seis do Nadal, acabei xogando no (xa desaparecido tamén) Mercantil de Vigo ata que no ano 1991 crucei por vez primeira co Seis do Nadal a través da sección que se creou no Instituto de Bacharelato Alexandre Bóveda, adestrado, como non por Aali, e do que falou Carlos na súa retrospectiva.
No 93 comecei a colaborar con Aali na dirección do equipo cadete do Instituto, e no 1994 quedei eu só co equipo cadete e co xuvenil, no que ademais era xogador. Aquel equipo cadete formado por ex-xogadores infantís do Seis do Nadal quedou durante dous anos consecutivos subcampión da liga recreativa na que competía. Finalmente no ano 1995 os meus estudos me levaron fóra da cidade e tiven que deixar aparcado o meu labor como adestrador.
Reincorporeime xa na tempada 98-99, outra vez para cubrir o espazo do Instituto Alexandre Bóveda cun equipo xuvenil das mesmas características que os anteriores, nesta ocasión na compaña inestimable de Óscar Carbajo. Dende aquela adestrei unha chea de xente, unhas cantas xeracións do club, dende equipos de mini ata xuveniles. A cantidade de recordos é moita.
Cadete Masculino "C" - Copa de Vigo (T. 03/04)
De todos os equipos que adestrei non quero quedar con ningún xa que todos tiveron as súas cousas e as malas, aínda que sempre gardarei un recordo especial dun par deles. A experiencia foi moi gratificante e quizais un día o volva ser. No camiño mancheas de amigos que, aínda hoxe conservo.
Na miña última etapa dende o ano 2002 ata o 2006 pasei a ser o encargado da imaxe gráfica do club. Asumín o duro traballo de xestionar unha páxina web que chegou pasar das 150.000 visitas anuais, só este dato dá idea do gran club do que estou a falar. Pero non foi só a web; durante eses anos procurei dar un xiro e coidar toda a imaxe externa do club: equipaxes, carteis, folletos, tarxetas, presentacións, e mesmo unha pequena revista.
Para min foi un pracer poñer o meu pequeno gran de area, de axudar dun xeito pequeno a que o Seis do Nadal funcionase como funciona. Se teño que quedarme con algo téñoo ben claro, a cantidade e calidade das persoas coas que tiven o gusto de traballar e convivir durante todos estes anos.
Dende o ano 83 as cousas cambiaron moito, o Seis do Nadal xa non pertence só a un populoso barrio obreiro da cidade, senón que forma xa parte da historia do deporte do noso país. Debemos estar orgullosos do noso pasado para traballar sempre con ilusión no presente, dese modo, o futuro está nas nosas mans.
Daniel Landesa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario