CARTA DE ÁNXELES RIVELA: "O SEIS DO NADAL MÁIS QUE UNHA ESCOLA"

Saúdos e noraboa por estes 25 anos!

 

Ánxeles Rivela (Curso Escolar 2008/09)

 

Parabéns para todos e todas os que hoxe forman (e formamos) parte do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia e que este aniversario sexa, polo menos, o comezo doutros 25 anos máis.

Cando Sergio, Director Deportivo do Club, me pediu un escrito para esta conmemoración non sabía por onde empezar. Supoño que lles pasa a tod@s. Podía facelo como nai, como mestra ou tamén como ex-directora do centro durante oito anos. Ao remate intentarei mesturar os tres ,posto que van unidos e non os din separado.

Cando cheguei como mestra ao Ceip: “ Seis do Nadal”, no ano 1997, o que menos se me ocorría era que a miña filla, Antía, se apuntase a facer baloncesto. Non había ninguén na familia que o xogara e descoñeciamos ese mundo e o do club. Pero cando comezamos a ver toda a dinámica deportiva que había no centro, falamos con outra xente que só falaba marabillas do club e sobre todo, ver aquela mocidade que ou estaba adestrando ou xogando ou vendo como o facían os amigos e amigas, decidimos que queriamos para Antía este ambiente.

Daba gusto ver unha mocidade sá, deportista, solidaria, responsables nos estudios, en fin o que calquera familia desexa para os seus fillos e fillas. O gusto polo deporte non se fabrica de súpeto ten que ir de vagariño, ás veces con problemas, porque gústanos máis ou menos este adestrador ou adestradora, as compañeiras ou compañeiros, ou non xogamos tan ben como desexamos e pensamos máis en nós que no equipo…

Pero a proba de que o Seis fixo, está facendo e seguro que o fará as cousas ben é que estes rapaces e rapazas que estaban nestes anos no Club aínda seguen en equipos séniors, de adestrador@s, de árbitros, de mesas…ligados ao deporte e en concreto ao baloncesto.

Como nai de xogadora, sufrín e alegreime como outros pais e nais cando iamos por todos eses pavillóns e, dependendo do ano, gañaban todo ou perdían moito. Pero sempre co afán de deixar ben alto ao Club e procurando desde as gradas animar e respectar aos contrarios. Nunca defenderei aos pais que desde as gradas insultan aos árbitros, adestrador@s contrarios, xogador@s, familias,etc .O deporte, xa desde pequenos , ten que servir para unir non para xerar violencia.

O Seis sempre insistiu nesto, en que o fundamental era que as nenas e nenos o pasaran ben, pero dun xeito educado. A xente : xogador@s, familias, adestrador@s que sexa irrespectuosa e violenta , por moi “crack” que sexa non debe ter cabida neste Club.

Cando Antía entrou no Club, no 1997, o responsable de todo era Carlos Martínez Vaqueiro. Detrás había moita xente que lle axudaba pero el era ( e sigue sendo) un foguete. Facía de todo. Na súa cabeciña cabía todo e empezou a soñar, e os soños fixéronse realidade. O Club cada vez se fixo máis grande. Comezou con nenos e nenas do colexio pero pouco a pouco foron vindo doutros sitios e cada vez había máis equipos, cos problemas que xeraba ter pistas para adestrar a tod@s. Non había onde adestrar a cuberto, as pistas estaban ao aire.

E nesto, no ano 1999, nomeáronme Directora do centro. Durante os 17 anos que levaba funcionando o centro os Equipos Directivos e as ANPAS traballaron arreo para mellorar as instalacións, deixando asinado o pavillón cuberto da actualidade. Tocounos a nós loitar para que se fixeran do mellor xeito posible. Ata , xunto co presidente da Agrupación Deportiva – Antón- tivemos que poñernos diante das máquinas para que non asfaltaran e puxeran o chan que lle correspondía!. As columnas tamén as querían poñer máis pequenas e non se poderían xogar partidos regulamentarios.

Logo, grazas a Santiago Domínguez, concelleiro de Deportes de entonces, pecháronse tres paredes e polo menos xa se podía entrenar e xogar sen que fixera tanto frío. Tamén, grazas a el como Director Xeral de Deportes da Xunta conseguiuse facer un local e vestiarios na parte de atrás do pavillón, aínda que con moitas dificultades por parte dos veciños, de Fenosa, da burocracia, dos cartos, etc levando as obras dous anos e aínda seguen sen rematar e poder utilizar os locais que tanta falla lle fan aos clubs de Baloncesto e Balonmán. Agardamos que sexa o máis pronto posible.

Neste tempo, ao longo, destes oito anos ao fronte do Equipo Directivo e da Comunidade Educativa, sempre procurei facer o posible para que o club fose para adiante, - ata Antón e eu nos fomos entrevistar con Fraga-, cedendo locais para reunións, axudando a que o Consello Escolar ampliara os horarios ata as 11 da noite,axudando en representacións oficiais do Club, animando ,mediando en conflitos, deixando facer fotocopias e utilizar teléfonos,etc,.

Tamén, durante este tempo mudáronse os estatutos da Agrupación Deportiva e pasou a ser o Club Baloncesto Seis do Nadal-Coia, tendo o seu propio presidente pero sendo o presidente da Agrupación Deportiva que os representa dentro do Consello Escolar do centro. Para min, unha das vantaxes e prodixios deste Club é que é o único de toda Galicia que pertence a un colexio público e que move tantos equipos e persoal dun xeito tan voluntarioso, traballando polo deporte base.

Non podía esquecer unha experiencia do Club, que me resultou moi satisfactoria e me fixo entender o baloncesto desde dentro: o Equipo de pais-nais. Só puiden xogar dous anos e teño que darlle as grazas ao adestrador - Anxo- e as compañeiras e compañeiros por ser tan pacientes comigo. Foi xenial cando fomos cos rapaces e rapazas do Club a Ponferrada, e gañámoslle aos do Club 6,25. Deixamos a bandeira do Seis ben arriba.

 

Ánxeles Rivela co Equipo de Pais e Nais (T. 2003/04)

 

Como nai sempre intentei que a miña filla fose unha rapaza do Seis, tanto do colexio coma do Club, e despois de once anos como xogadora, agora segue ligada ao Seis como segunda adestradora do Club dun histórico como é Aali e como árbitra axudando nos torneos. A pesares de ofrecerllo, nunca quixo - e nós tampouco- cambiar de Club, o Seis é como a súa casa e forma parte da súa persoa.

Neste Club formáronse xogadores e xogadoras e que pasaron moitos anos aquí e agora están noutros equipos. De xustiza é que cando falen tamén lembren o seu tempo aquí e non pareza que xurdiron por xeración espontánea, pois houbo moitas persoas que dedicaron o seu tempo e o seu esforzo para que este Club sexa o máis importante de Galicia e agora se esquezan del doe un pouco.

Xa remato, senón vai haber censura, polo da extensión do escrito. Só quería deixar o meu agradecemento e o da familia, a algunha xente que aínda está no Club e outra que estivo e que nun tempo tiven que relacionarme máis con eles e elas e agora xa non está: Antón, Amparo, Adrián , Carlos M., Pablo, Paco B., Outeiral, Chuca, Anxo, Sergio P., Giny, Iago, Rodrigo, Jorge, Carbajo, Marisol P., Enma, Fran,…e por suposto a Aalí por todos os anos que leva dedicado ao deporte base no Club.

Á Dirección do Club da actualidade desexarlle moita sorte na súa andaina, mandarlle moita enerxía positiva pois sendo tan mozos e mozas estanlle dedicando un montón de horas e esforzos a traballar cos nosos fillos e fillas, que non llos poderemos recompensar nunca. A Sergio, como cabeza visible do Club, moito agarimo e no meu nome e no de moitos mestres e mestras, pais e nais, moitas grazas e que llo transmitas a todos e todas os membros do Club polo ben que o seguides facendo.

Gustaríame que despois de 25 anos se siga dicindo: “ O SEIS MÁIS QUE UNHA ESCOLA” e “ TI TAMÉN ES O SEIS”.

Ánxeles Rivela Machado PARABÉNS PARA O CLUBE DE BALONCESTO SEIS DO NADAL - COIA.

No hay comentarios: