CARTA DE CARLOS MARTÍNEZ : CRECENDO EU E CRECENDO O CLUB

 

Estimados amigos:

 

 

Carlos Martínez Vaqueiro Tempada 1998/1999

 

Quero agradecer, en primeiro lugar, o espazo que me cede o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia na súa web de presentación do 25º Aniversario de este club para facer unha breve reseña sobre este gran evento que conmemoramos. É unha honra para min formar parte desta familia baloncestística, e ter colaborado en certos aspectos para o crecemento e engrandecemento deste club no pasado.

 

Din moitas cousas a este club, pero tamén recoñezo que recibín moito máis a través do que aprendín e experimentei no comando do Seis do Nadal, e sobre todo a través do contacto con tantas persoas marabillosas coas que tiven o pracer de traballar.

 

Hoxe en día, despois de iniciarse a miña 5ª tempada lonxe da miña cidade e dos meus, e despois de formarme tamén no Área da Xestión Deportiva, teño outra perspectiva do traballo realizado no pasado. Moitas das cousas que aprendín e que experimentei na miña etapa como Coordinador de Baloncesto na AD Seis do Nadal - Coia (desde a tempada 1997-1998 ata a 2003-2004) as sigo aplicando no meu novo club en Portugal, o Grupo Desportivo da Gafanha; pero outras tiven que adaptalas ós novos tempos e ós novos contextos (sexan sociais e económicos, e no meu caso incluso culturais), desenrolando novas ideas para tratar de realizar un traballo similar ó realizado en Vigo no meu novo club.

 

Lonxe queda o ano de 1982 cando o Colexio Seis do Nadal iniciou a súa actividade.A miña familia acabábase de asentar en Coia, e eu iniciaba a Educación Primaria nese centro. Oito anos estudei no CP Seis do Nadal (onde realicei toda a EXB), e onde puiden participar en moitas actividades ofertadas por un centro escolar ben organizado e unha Asociación de Pais e Nais moi activa. Alí practiquei xadrez, atletismo, futbito, tenis, voleibol, bádminton e claro… baloncesto, que acabou por cautivarme máis que o resto de ofertas.

 

Por aquel entón, nos primeiros meses de 1983, empezouse a ofertar o Baloncesto, cunha gran adherencia do sector feminino. Aali Mohamed xa paseaba por aquel entón por este centro – gran exemplo de sacrificio, constancia e dedicación. Él foi o meu primeiro adestrador, nos meus inicios como xogador no ano 1986 (alevín de 1º ano). Logo tiven outros adestradores, como Rafa, Chipi, José Luis ou Rosana, pero sen lugar a dubidas foi Mohamed o que máis tempo me acompañou, do que máis aprendín e o que me motivou para ser adestrador no meu segundo ano de cadetes (1991-1992).

 

 

Equipo Alevín Masculino Tempada 1986/1987

 

Deixei de xogar ese mesmo ano de cadetes (a miña última tempada xoguei no equipo do IB Alexandre Bóveda “Coia-2” – onde estudaba), e só volvín á actividade cando na tempada 1999-2000 creamos o primeiro equipo Sénior Masculino na historia do Seis do Nadal (onde xogábamos case tódolos adestradores). A miña aventura nese equipo só durou 2 anos; logo deixei paso á xuventude, que xa reclamaba o seu espazo no equipo, e me centrei en labores técnicas e directivas.

 

Como dicía, iniciei a miña carreira de adestrador na tempada 1991-1992, como axudante de Aali Mohamed en alevíns e infantís. E á tempada seguinte xa era responsable por un grupo de Pre-benxamíns (a xeración de 1986), ós que acompañei durante 8 anos e cos que conseguimos moitos éxitos para o club – como o 1º título de Campión Galego na tempada 1999-2000. Paralelamente á dirección deste grupo, continuaba dirixindo outros grupos, ata o punto de que case tódolos xogadores e xogadoras das xeracións posteriores chegaron a estar baixo as miñas ordes nos anos seguintes.

 

En todo este tempo, estou orgulloso especialmente por facer un gran esforzo pola recuperación do baloncesto feminino, que tras anos de ostracismo volveu a emerxer na tempada 1997-1998 (cun equipo de infantís composto polas chicas das xeracións de 84, 85 y 86 e adestradas por David Fernández e por min). A este grupo seguiron inmensos grupos nos anos posteriores, garantindo a recuperación e continuidade do baloncesto feminino no club.

 

Pero os que me coñecen saben que do que teño máis orgullo é de haber invertido moito tempo e recursos nas Escolas e de haber creado un espazo de competición apropiado para a iniciación ó baloncesto, a Liga Interna de Colexios (LINCO). Este novo encadramento foi a base da pirámide no noso traballo durante anos, e propiciou sen lugar a dubidas o crecemento deste club ata os números que se manteñen na actualidade.

 

 

Clausura 1ª Edición Liga Interna de Colexios

 

Con todo, o éxito non é algo que apareza milagrosamente… hai que traballar duro, e nós o fixemos. A base do noso éxito era o grupo de traballo. Tódolos elementos técnicos do club éramos unha piña, e traballamos duro, co apoio e o respaldo de todos, para alcanzar os obxectivos que nos propuxeramos. Sen ese espírito de camaradería, sen ese sacrificio polo colega do lado, sen ese apoio constante entre tódolos adestradores, seria imposible alcanzar tódolos éxitos que alcanzamos.

 

 

Grupo Adestradores Tempada 1999/2000

 

A día de hoxe, síntome orgulloso de ver que aquela ‘obra’ da que fixen parte continúa funcionando, crecendo e desenrolándose, e que o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia segue sendo unha referencia para os clubs de Vigo e de toda Galicia.

 

O tempo foi pasando e o CB Seis do Nadal - Coia, en lugar de estancarse e involucionar, soubo adaptarse ós novos tempos:

 

- CAMBIOS NA DENOMINACIÓN: Os equipos do CP Seis do Nadal (desde 1983) deixaron paso primeiro aos da Agrupación Deportiva Seis do Nadal (a partir de 1987), que logo foron da AD Seis do Nadal - Coia (desde o ano 2000), para finalmente converterse no Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia (a partir de 2004).

 

- MELLORA DAS INSTALACIÓNS: As pistas ao aire libre conseguiron tras anos de loita gañar un teito (ano 2000), para despois conseguir unha parede lateral para evitar que a chuvia entrase no campo (tempada 2001-2002), despois o peche doutras dúas paredes (tempada 2002-2003), e cando eu xa non estaba no club o peche da última parede (ano 2007) e a realización duns vestiarios e de oficinas do club (que aínda non están en funcionamento).

 

 

Mellora das instalacións Ano 2000

 

- CAMBIOS NA COORDINACIÓN DO CLUB: Aali Mohamed dirixiu a sección desde 1983, contando con Adrián Martínez a partir de 1986; en 1997 quedo eu como responsable da Coordinación do Baloncesto, entrando Pablo Álvarez como colaborador en 2002; a miña saída do club, na tempada 2004-2005, por fin o club consegue ter unha estrutura directiva sólida, quedando Pablo como Responsable Principal e Óscar Carbajo como segundo, sendo substituído por Sergio González en 2007; nesa mesma tempada 2007-2008, Pablo Álvarez deixa o club e Sergio queda como Director Deportivo do clube.

 

- NÚMERO CRECENTE DE PRACTICANTES: Na primeira tempada de funcionamento o club tiña 25 practicantes, chegando aos 50 en 1986 e aos 65 en 1997; despois, o crecemento foi vertixinoso: na tempada 1998-1999 xa había 120 practicantes, 220 acabaron a tempada 2000-2001, 350 practicantes na tempada 2002-2003 e 400 na miña tempada de saída do club, en 2004; despois, polo que me informei, os números seguiron crecendo, sendo que, nesta última tempada os números superan os 450 deportistas.

 

- GALARDÓNS DE ESPECIAL DESTAQUE: Con todo isto, convén destacar tamén algúns galardóns especiais, que foron puntos altos no crecemento deste club: Campións Galegos de Infantil Masculino en 2000, 2002 y 2006; Mellor Club de Baloncesto de Vigo en 2002, na 4ª Gran Gala do Deporte do Concello de Vigo; o Premio “Deporte en la Escola” de 2003 da Xunta de Galicia, á promoción deportiva en idade escolar; e os galardóns de Mellor Club da Delegación Viguesa de Baloncesto a partir da tempada 2001-2002 ata a actualidade, ano tras ano.

 

 

Entrega Galardón Tempada 2003/2004

 

E 25 anos despois da súa posta en funcionamento, aplaudo agora a organización do Acto de Conmemoración do 25º Aniversario por parte da actual Directiva do CB Seis do Nadal - Coia, a realizarse o 27 de Decembro do 2008 nas instalacións do CEIP Seis do Nadal, onde estarei presente con toda seguridade e onde espero encontrar moitas caras coñecidas (especialmente aqueles colegas que fixeron parte comigo dos primeiros equipos deste club).

 

Sería algo moi especial para min volver a ver os meus ex-compañeiros de equipo, a adestradores cos que traballei durante moitos anos, a xogadores e xogadoras que pasaron polas miñas mans, e a tódalas persoas que contribuíron nestes 25 anos de existencia do Seis do Nadal para engrandecer a entidade.

 

Desexo o mellor para a Directiva do club e para os seus actuais xestores, que realizaron tamén un traballo fantástico, e espero atoparos a todos nesta festa.

 

Un saúdo.

Carlos M. Vaqueiro

No hay comentarios: