FESTA NADAL 25º ANIVERSARIO DO C.B. SEIS DO NADAL - COIA

 

O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organizará unha festa de Nadal para conmemorar o 25º Aniversario, os "25 Anos de Historia co Deporte Base" da entidade, que terá lugar o próximo sábado 27 de decembro do 2008 no Colexio Seis do Nadal.

Este evento pretende ser unha das actividades máis importantes da Historia do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia, na cal o principal obxectivo é reunir nunha tarde a tódalas xeracións que pasaron pola entidade, reunir á historia do club.

 

Para comezar con esta gran Festa de Nadal ás 16:00 horas terán lugar partidos amigables entre os equipos federados que conforman o presente, o momento actual, do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia. Uns partidos que de seguro terán un ton, non soamente deportivo, senón tamén de convivencia e diversión.

 

Ás 18:00 horas comezarán os partidos interxeracionais, uns partidos que volverán a reunir na pista a antigos compañeiros de equipo e que achegarán ata as nosas pistas a moitas das persoas que no seu momento formaron parte do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia. Estes partidos serán a tempo continuo, é dicir, haberá cambios continuamente sen necesidade de parar o tempo, polo que de seguro pasarán pola pista e nun só partido unha gran cantidade de xeracións do que no seu momento foi o presente do club.

 

Unha vez rematado o partido interxeracional, ás 20:00 horas, terá lugar o momento máis emotivo e nostálxico deste evento. Nesta actividade se procederá ao visionado dunha presentación de diapositivas que pretende recoller os momentos máis importantes dos "25 Anos de Historia" así como os momentos máis divertidos e anecdóticos.

 

Despois desta lembranza, ás 20:30 horas, tódolos presentes compartirán unha merenda cea, cun obxectivo principal que é a convivencia entre as distintas xeracións que se xunten nesta data.

 

Para clausurar o evento non haberá mellor maneira que rematar cun baile de Nadal no que todos e todas pasaremos un gran momento cargado de diversión e máis convivencia.

 

Esperamos que o próximo sábado 27 de decembro podamos reunir a tódala Historia do noso club e ti tamén formas parte desa historia. Non faltes e axúdanos a transmitir a mensaxe.

No hay comentarios: