A miña chegada ó barrio de Coia coa familia,en 1983, como veciña dunha cooperativa de vivendas de traballadores de Vulcano, coincide no tempo coa inauguración do CEIP Seis Do Nadal, que viña a incrementar a oferta educativa dun barrio en crecemento, con moitos problemas de infraestructura.
Corrían tempos difíciles para os veciños do barrio, traballadores a maioría, inmersos nunha crise económica e laboral importante: paros, regulacións, folgas... O traballo en conxunto, as asociacións, eran a maneira de saír para adiante.
Neste barrio e con estas circunstancias, aproveitando a forza dun colexio novo, cun Claustro de profesores ilusionado e unha Asociación de Pais que sabían o que querían e necesitaban para ós seus fillos, naceu o Club de Baloncesto Seis de Nadal, onde traballaron, e aínda están a traballar, algúns ben queridos veciños, amigos e incluso compañeiros meus.
A miña vinculación co Club é ben escasa: levo un par de anos dirixindo o CEIP Dr.Eijo Garay, que dende hai tempo cede as súas instalacións deportivas ó Club Seis Do Nadal para os adestramentos e competicións. Compartimos tamén alumnado, monitores e actividades nas súas escolas deportivas.
A Comunidade Escolar do CEIP Dr. Eijo Garay considera que esta é a mellor maneira de aproveitar as nosas instalacións fóra do horario escolar: actividades deportivas para os xóvenes do barrio, actividades que o Club Seis Do Nadal, pola súa andaina, sabe realizar mellor que ninguén.
No seu 25 aniversario, as persoas que traballamos no CEIP Dr. Eijo Garay queremos felicitar ó Club Seis Do Nadal polo seu traballo realizado, co desexo de que a seu labor no deporte base continúe no noso centro durante moitos anos máis.
NORABOA
Mª Luz Dacosta. Directora do CEIP DR. Eijo Garay
No hay comentarios:
Publicar un comentario