CARTA DE ÓSCAR CARBAJO: "UN GRAN CLUB E UNHA GRAN FAMILIA"

De entrada, gustaríame dar os meus parabéns aos dirixentes do C.B. Seis do Nadal polas grandes ideas que teñen proxectadas para conmemorar o 25º aniversario do Club; supón un recoñecemento honroso ao labor desenvolvido durante anos por moitas persoas a creación da páxina web rememorando antigas pasaxes da historia do Club e a xuntanza de ex-deportistas que ten prevista o 27 de decembro que servirá de colofón para reverdecer tempos de xuventude e mocidade dos presentes no acto.

Así mesmo, agradezo a Sergio que me ofrecera a oportunidade de expresar a miña visión do Seis do Nadal durante os anos que formei parte del e tratarei de facer unha aproximación persoal e nostálxica do mesmo pois, para min, foron anos marabillosos dedicados a aprender e a ensinar baloncesto e relacións personais.

Eu cheguei ao Seis do Nadal no ano 1998, o espíriu que imperaba no Club era o dunha familia unida e estructurada. Tiñamos dous referentes claros, dunha banda contabamos con Alí como guía deportivo e esperirual; era a persoa que marcaba as pautas non escritas do club dende había anos; era a nosa fonte de coñecemento. Da outra banda, Carlos, quen a base de traballo movía os designios do Club a nivel federativo e a nivel estructural; era a man dereita de Alí e o seu alumno avantaxado.

 

Era reconfortante sentir a seguridade de saber que sempre podías contar con esas persoas para axudarte a resolver pequenos problemas do devir diario que para min, por aquel entón, eran grandes tarefas... Dende os meus inicios sempre atopei nesas persoas as palabras e os consellos necesarios para mellorar persoal e deportivamente. Ter o apoio permanente de Aalí e Carlos e ter por compañeiros naquel entón a persoas como Kike Celeiro, David, Dani, Jorge, María e Rodrigo (entre outros) foi definitivo para que eu me fora arraigando no mundo do baloncesto.

 

Son, sen dúbida, anos nostálxicos para min; lembro que cada logro do Club era de todos; recordo que no meu segundo ano no Club, eu xa estaba plenamente integrado, o equipo infantil “A” (a xeración do 86) foi campión galego e quedou a un paso de chegar ao campionato de España e todos seguimos a xesta como se fosemos patícipes da mesma. A ledicia que espertou aquel feito e outros moitos no Club eran enormes porque sentiamos que un trozo de nós estaba neses acontecementos.

 

O noso labor era apoiado por todos; compañeiros, pais e os propios xogadores!!! Neses anos eu aprendía moito máis dos meus equipos que os meus equipos de min. O primeiro equipo que adestrei foi aquel equipo xuvenil con Dani; nós tiñamos 19 anos e eles tiñan 16. Dese equipo leveime unha grande lección da que eu aínda non era consciente; dirixir a un grupo humano supuña unha tarefa dura, moito máis complicada do que eu me pensaba e ese ano serviume para aprender a ser máis responsable e gañei confianza para ofrontar novas temporadas.

 

Os primeiros tres anos que eu estiven no Seis do Nadal foron os mellores anos a nivel humano; aprendía moitísimo das persoas que tiña ao meu carón e gozaba coma ninguén cada actividade que realizaba o Club. O torneo de minibásquet, as viaxes a Aveiro e as convivencias de final de temporada eran eventos esperados por todos para facer deles unha festa de solidaridade e irmanamento; foron neses intres nos que se xestaron amistades que, pasados os anos, todavía perduran. Grazas Seis do Nadal polos grandes amigos que me deches.

 

Tras eses primeiros anos todo foi cambiando... O Club empezou a crecer a un ritmo de vertixe e pasou de ter 8 equipos (xa non me lembro con exactitude) a ter 20 equipos en apenas 3 anos. Ese crecemento súbito tivo varias causas; a máis importante foi, seguramente, o afán de superación de Carlos; él tiraba de nós constantemente, para el eramos unha parte importante do proxecto, igual que nun equipo os 12 xogadores deben ser importantes ao longo de toda unha temporada.

 

Outra das causas que propiciou o noso crecemento foi a asunción das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Vigo e a entrada nos colexios de Coia; a canteira do Seis do Nadal pasou de ser un colexio, o colexio que da nome ao Club, a ser un barrio enteiro, o barrio máis populoso da cidade, e en realidade, coas Escolas Municipais, a procedencia dos nenos ampliouse a todo Vigo.

 

Entraron adestradores novos, procedentes doutros Clubs de éxito na cidade, con outras ideas, con outras maneiras de comprender o xogo e, aínda que da nova etapa saíron persoas que fixeron moito polo Club (Picher, Kike Perales, Pablo Álvarez e outros) o espíritu xa non foi tan familiar coma antes. A diversificación do Club supuxo un contraste claro de ideas e deu un salto de cualidade ao Club, un club que acadou o seu primeiro galardón de mellor club da Delegación Viguesa e Comarca a temporada 2001-2002 e que dende entón tódolos anos foi distinguido como tal (e suma 7).

 

Tódolos anos saía, recompensa ao traballo ben estructurado dende o Club e á calidade dos adestradores, equipos campións; a eses primeiros anos que vivín no Seis do Nadal seguíronlle anos de dominio en categorias de minibásquet (tanto masculino coma feminino) e grandes éxitos en infantís, sobre todo, e cadetes. Dos seguintes anos, eu gardo un recordo especial da xeración do 90. Tal vez con outros equipos conseguira cotas máis altas deportivamente falando, pero para min, os momentos vividos con este grupo son impagables.

 

Nos meus primeiros anos como adestrador eu disfrutaba do ambiente festivo que reinaba no Seis do Nadal e da amistade que estaba a fraguar coas persoas do meu entorno máis que co papel de adestrador propiamente; foi a xeración do 90 a que fixo crecer no meu interior a paixón desmesurada por ser adestrador de baloncesto. Tras dous anos xuntos, un de alevíns e outro de infantís, o terceiro ano foi incrible; ese ano estivo ateigado de momentos emocionantes...

 

Chegamos á final de Vigo contra todo prognóstico; ninguén esperaba que nós puidesemos astar aí, posiblemente nin nós mesmos e o desenlace foi tremendo; no partido de ida o Canteiras gañounos no Porriño por 45 a 60, resultado desolador que practicamente nos descartaba para obtelo título final e o partido estivo marcado pola ausencia do mancado Óscar Cos, a referencia do noso ataque.

 

A semana previa ao partido de volta dixemos que eran 4 puntos por cuarto e coa convicción de que podiamos levantar a eliminatoria acudimos ao Eijo Garay para xogar un gran partido... Ao descanso 20 a 21 e a cousa estaba cada vez máis difícil, e de súpeto aconteceu o inesperado, 24 a 5 de parcial no terceiro cuarto que nos deu alas ata o 59-41 final. Campións!!!

 

Despois veu a liga galega na que pasamos de segundos de grupo tralo C.O.B., campión galego aquel ano, e cruzámonos contra o Galicia do Ferrol para dirimir o acceso á Fase Final de Silleda... Esa foi outro gran enfrontamento; xogamos en días consecutivos, o sábado en Travesas cun resultado final de 67 a 58 a favor que nos deu esperanzas para viaxar ao Ferrol o día seguinte; pero sucedeu o inesperado e puxémonos 51 a 33 abaixo a falta de 6 minutos de partido; a súa defensa estaba a ser asfixiante e nos non acertabamos co tiro exterior; parecía que todo estaba perdido e o 3-20 de parcial deixou o resultado final en 54 a 53 que nos outorgou a clasificación para a fase final do campionato galego.

 

Alí perdimos contra o C.O.B. e o Cidade de Lugo para conquista-la medalla de “bronce” no último partido contra o Porriño. Foi gratificante ver como un equipo que quedara 16º de Vigo en alevíns pasou a ser 3º de Galicia dous anos despois... Foi sensacional!!!

 

Dous temporadas máis tarde, na tempada 2004-2005 Carlos Martínez, quen fora todo para o Seis do Nadal, decidiu dar un aire novo á súa vida e cambiou o Seis do Nadal polo Gafanha de Aveiro. As dúbidas que el tiña no momento de da-lo paso definitivo viñan por deixar o traballo de tantos anos nas mans apropiadas e escolleu como os seus sucesores no cargo a Pablo e a min.

 

Nun principio eu tiña as dúbidas naturais de quen emprende unha aventura nova; o listón estaba alto e en seguida troquei as dúbidas en ilusión e esforzo. Estiven tres anos con Pablo á fronte da Dirección Deportiva do Club e o noso pensamento estivo sempre centrado en continuar o formidable labor desenvolvido por Carlos as temporadas precedentes. Tratamos de moldea-las súas ideas aos novos tempos e propuxemos algunhas ideas novas tratando de sacar maior rendemento ás posibilidades do Club.

 

Na temporada 2007-2008 novos cambios na estructura directiva e deportiva do Club de Baloncesto revitalizárono e emerxeu a figura de Sergio, un rapaz novo, procedente das categorías base do club e que demostrou un entusiamo feroz por axudar a engrandecer as estructuras do Club.

 

Agora, xa dende a distancia que marca a rivalidade, o Seis do Nadal parece ter gañado moito en estabilidade e consenso para dotar á súa Base da solidez necesaria para sacar a flote a novos valores.

 

Dende a nostaxia e o cariño, desexo ao Seis do Nadal un feliz 25º aniversario!!!

 

Óscar Carbajo

1 comentario:

Danilo dijo...

Ai meu filliño. 19 anos terías ti, eu se non me van mal as contas no 98 andaba polos 22. Saúdos